domingo, 4 de mayo de 2008

Os policías fartos de falsas promesas, poñen en evidencia o goberno

O PP Pide ó goberno que deixe a propaganda e se poña a traballar para solucionar a falta de aparcamentos e o cais no tráfico de Carballo.
A propia Policía Local, recoñece que non lle poñen medios nin persoal para atender as suas funcións.

Denuncian que non se fan servicios por falta de efectivos ou que estan cubertos de xeito non regulamentario.

Carballo, 2 de maio, 2008.- O goberno millor pagado da historia de Carballo e o que dispón de máis concelleiros para traballar, lonxe de acadar resultados que solucionen os problemas de Carballo, agrávanos coa sua falta de previsión e a súa teima pola propaganda permanente.

Con unha situación caótica no tráfico rodado, a cada paso máis complicado nas nosas rúas, sin que se tomen medidas, a perda dos aparcamentos públicos detrás da antiga estación de autobuses, veu a acrecentar un problema que na súa maior parte é responsabilidade de un alcalde que tras cinco anos no cargo, non foi quen de dar solucións e de adiantarse a unha situación anunciada dende hai tempo. Non é quen de crear novos aparcamentos nin de conservar os que lle deixaron.

A evidencia máis palmaria da falta de traballo de este goberno é que os propios policías locais teñen denunciado a súa situación e a falta de solucións do goberno que pasa máis tempo presumindo de que Carballo medra moito que adiantándose os problemas e dando solucións.

O PP ten denunciado a falta de efectivos da Policía Local e proposto a ampliación da plantilla, que sempre foi rexeitada polo goberno. Así como denunciou que o incremento da zona azul sin novos efectivos de vixiancia é unha medida totalmente inútil.

A actual situación, vistas as denuncias dos efectivos do propio servicio, pon en evidencia o fracaso do Concelleiro de tráfico e policía, e a súa incapacidade para dirixir o departamento, polo que sería procedente o seu relevo por parte do Alcalde.


Texto íntegro do comunicado da asociación de policía:

Diante das informacións aparecidas nos medios de comunicacións en datas recentes, referidas a aprobación polo Governo Local de Carballo da ampliación da Zona Azul, a revisión da utilización das zonas de carga e descarga e outras tamén relacionadas coas dificultades para a circulación no casco urbano de Carballo, esta Asociación Profesional, na que están integrados a maioría do Policías de Carballo, manifesta:

Sin entrar na valoración da efectividade da Zona Azul en canto a regulación dos estacionamentos, queremos facer público que a referida Zona Azul non está a ser atendida por ningún Policía, xa que ó axente que se lle encomendou esta función está de baixa por Incapacidade Temporal, habendo longas temporadas con esta mesma situación. Esto é debido, estre outras cousas, á política da Concellaría de persoal do Concello, da que é o seu titular o Concelleiro Benedicto Viña, como tamén o é da Sección da Policía Local. Calquera pode entender que para exercer as funcións propias do Corpo ó que pertencen, os policías deben ter unha determinada capacidade física e mental, e de feito, a Lei de Coordinación das Policías Locais establece as condicións nas que os Policías deben pasar a unha segunda actividade, e entre elas están o alcanzar a idade de 55 anos ou cando, sin chegar a isa idade, o axente teña mermada a súa capacidade física ou mental.

Pois ben, o Concelleiro da Policía de Carballo, e polo visto tamén, o Xefe do Corpo, teñen outra interpretación, e así ocorre que hoxendía hai tres policías apartados do servicio 24 horas por problemas físicos e/ou mentais, pero que teñen asignados servicios na rúa. Así podemos atopar algún policía pola rúa que non porta arma regulamentaria, o que está de feito prohibido por lei. ¿Qué pasará si ese policía que está na rúa se atopa nunha situación na que debe defender a integridade física, ou a vida, dos cidadáns, ou a súa propia vida?

Tamén nos podemos atopar con que eses policías......que teñen mermadas as súas condicións físicas e/ou mentais, son os que regularmente fan as súas funcións no vehículo policíal, mentres aqueles que se encontran en perfectas condicións cumpren o servicio a pé. ¿Qué pasará si xurde unha emerxencia? Pois que os axentes que traballan a pé deben acudir con urxencia á Xefatura, coller un vehículo policial e desprazarse ó lugar da emerxencia. Despois non poderá sorprender que o tempo de resposta non sexa o axeitado.

Namentras, os Partidos Políticos, sen excepción, non teñen reparos en incluir dentro do seu Programa a ampliación da plantilla da Policía Local. Pois ben, dende o ano 1992, é decir, en 16 anos, o incremento efectivo da plantilla foi de 3 axentes. Menos de un axente cada 5 anos. Si a eso lle engadimos que hai tres policías apartados do servicio 24 horas e que en vez de un Cabo agora hai dous (que tampouco fan servicio 24 horas), o saldo é negativo.

Como consecuencia, en periodos de festas, como son o San Xoán ou o Nadal, para "vender" diante dos cidadáns o incremento da presencia policial nas rúas, decretan a suspensión de vacacións e permisos dos policías.

A carencia de efectivos tamén é argumento para denegar de xeito sistemático os días de permiso ó que teñen dereito os policías, como funcionarios que somos.

Agora no verán, o Governo Municipal nomeará a catro Auxiliares de Policía, que carecen do carácter de Axentes da Autoridade, que a lei atribúe os Policías. Estes auxiliares de policia non poden denunciar infraccións de tráfico, nin identificar persoas, e moitos menos, detelas, pero en Carballo non teñen reparos en que substitúan ós axentes e asuman as funcións dos mesmos. Desta maneira, mesmo traballan polas noites, facendo seguridade cidadá. Pero o importante é ter presencia policial nas rúas, ainda que sexa con persoas sen experiencia, sen preparación específica e se a autoridade necesaria. O importante é "que nos vexan".

Os estudos realizados sobre as condicións de traballo dos axentes da Policía Local, e en concreto, o realizado en datas recentes pola Universidade de Cantabria, determinan que os axentes con idades próximas ós 40 anos empezan a mostrar un "deterioro funcional claro", e por riba dos 55 a capacidade para cumprir a maior parte das súas funcións "atópase mermada significativamente, afectando á súa propia saúde e á seguridade de terceiros".

Este estudo, que se fixo durante un ano, en 643 plantillas de Policía Local, destaca que o 65% dos policías tivo problemas de estrés, que case un 17% necesita consumir tranquilizantes ou relaxantes, e que preto dun 45% tivo problemas de ansiedade. A idade media dos Policías Locais de Carballo non está lonxe dos 50 anos. Non se está a renovar a plantilla con xente nova. Non se está aplicando a lei no referente á segunda actividade. Suspenden os permisos e vacacións en tempos en que todo o mundo quere estar coa súa familia. Non sorprenderá, entón, que dentro de pouco, os policías "apartados" do servicio 24 horas sexan máis que os que presten ese servicio. E aqueles que o sigan prestando, de seguro que non estarán nas mellores condicións para facelo.

No que atinxe ós problemas de circulación e aparcamento no casco urbano, entendemos que é un problema do que non está exento ningún Concello de certa entidade. Pero si ese Concello, por riba, carece dunha ordenanza de circulación, o problema é irresoluble.

Este é o caso do Concello de Carballo, que con máis de 30000 habitantes, é en pleno ano 2008, aínda non ten aprobada unha Ordenanza Municipal de Circulación, a pesares de estar así atribuído pola Lei Sobre Tráfico, na que se dí textualmente, en canto ás competencias dos municipios: "A regulación mediante Ordenanza Municipal de Circulación, dos usos das vías urbanas, facendo compatible a equitativa distribución dos aparcamentos entre todos os usuarios coa necesaria fluidez do tráfico rodado e o uso peonil das rúas ..."

Que saiban os policías, unicamente están regulados por Ordenanza os seguintes apartados:

- A Zona Azul, da que xa queda acreditada a atención que se lle presta.

- A Carga e Descarga. Que foi aprobada no ano 2004, e nunca se puxo en marcha, pero para a nosa sorpresa, o Concelleiro ven a dicir en abril de 2008 que pretende adecuar a súa utilización.

- As Paradas de Autobuses. Tamén se aprobou no ano 2004, .. e tampouco se puxo en marcha. Presumiblemente, un destes días o Concelleiro anunciará que vai a "adecuar a súa utilización".

Descoñecemos si existe unha ordenanza para a "Zona Verde". Pero na rúa Colón, hai un espacio sinalizado, dende hai xa moitos meses, horizontalmente coa cor verde e verticalmente con sendos sinais que indican que é unha zona restrinxida a residentes, excepto os días de feira. Tamén será obxecto de "adecuación".

Pero por si eso fose pouco, Carballo padece unha regulación da circulación do tráfico pésima e perigosa, e o mesmo se pode dicir da sinalización. Existen en Carballo cruces imposibles, pola súa regulación e sinalización. Pódese citar como exemplo o cruce de Praza de Galicia con Camiño Novo e rúa Ponte, onde se fixo un importante inversión de diñeiro en semáforos que nunca se puxeron a funcionar e que resulta un embudo no que se atascan os vehículos. Outro exemplo de mala regulación e sinalización é o cruce de Vázquez de Parga con Emilia Pardo Bazán, que resulta extremadamente perigoso pola pésima resolución que se lle deu.

Pero mención aparte merece o cruce das rúas Ponte, Perú, Poniente e Luis calvo. Calquera que se achegue a este cruce cando non están a funcionar os semáforos, poderá comprobar as tremendas dificultades que teñen os conductores para saber quen ten prioridade de paso, xa que cada unha destas vías conta co seu sinal de "ceda o paso" ou "stop". Non é de estranar, tal como está sinalizado. Nos tamén temos as mesmas dificultades. Calquera día haberá unha desgracia persoal, como foi a morte por atropelo ocorrida na rúa Vázquez de Parga, onde a sinalización do paso de peóns era deficiente, para que se revise a sinalización. Pero para entón, a desgracia xa terá ocorrido.

En canto á sinalización informativa, entendemos que en Carballo pode chamarse de calquera outro xeito, menos informativa. Hai unha ausencia case total de paneles indicadores de direccións e os poucos que hai son pouco afortunados. Cabe mencionar que si algún visitante, que proceda do centro de Carballo, é decir, da Praza de Galicia , e baixe pola rúa Ponte, en dirección a Malpica, atopará no seu camiño un indicador que reza "centro de poboación", que o levará a Fisterra. É posible que ó cartel lle falte eso último: "centro de poboación ... de Fisterra". Os carteis que poñen "Outras direccións", nin merecen comentario.
Dende esta Asociación queremos denunciar publicamente que tódolos políticos que pasaron polo Governo, lexislatura tras lexislatura, teñen a súa parte de responsabilidade, en especial aqueles que tiveron ou teñen responsabilidades na Policía Local, delegadas polo Alcalde de turno, por non ter, cando menos, tentado darlle solución a estes problemas.

Pero posiblemente máis grave sexa o caso do Xefe da Policía de Carballo, que despois de máis de vinte anos no cargo nin denunciou a situación, nin fixo nada para remediala. Posiblemente, sexa porque non traballa a turnos, non lle denegan os permisos, vai de vacacións cando él quere e cobra as horas extras que él mesmo controla, entre outros "privilexios". Como acabo de dicir, "actual Xefe da Policía Local", pois a nova Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia (lei 4/2007 de 20 de abril) aprobada no mes de maio do ano pasado, cita textualmente no seu artigo 28.5 "a creación da categoría de Inspector Principal será obrigatoria nos Concellos de máis de 25.000 habitantes...". Queda claro que ó Concello de Carballo de momento esquecíuse de que ten que crear unha nova praza de Inspector Principal, e por tanto ó ser esta praza de superior categoria, ter así un novo Xefe da Policía Local de Carballo. Cómpre suliñar que dende a Asociación apoiaremos con tódalas nosas forzas a aplicación da Lei de Coordinación de Policías Locais por entender que é un mecanismo necesario e moi beneficioso para o progreso e millora dos Corpos de Policía Local.

Carballo, a 02 de maio de 2008
O Presidente da Asociación Profesional
de Policías Locais da Costa da Morte


No hay comentarios: