O partido Popular ven de presentar unha moción ó concello de Carballo en contra do xa famoso "canon dixital". Aquí podes ler o texto completo.
Ó PLENO DO CONCELLO DE CARBALLO
JUAN CARLOS CASTRO POMBO, viceportavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, ó abeiro do disposto nos artigos 91 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presento a seguinte MOCION sobre a entrada en vigor do novo canon dixital:
EXPOSICION DE MOTIVOS
1.- Que este canon grava indiscriminadamente a TÓDOLOS CIDADÁNS, só polo feito de ser sospeitosos de poder realizar unha copia dunha obra suxeita a propiedade intelectual.
2.- Que este canon grava igual e indiscriminadamente a calquera usuario da tecnoloxía, desde os xulgados aos estudantes, pasando polos fotógrafos e os fabricantes de software; imponse tamén ao material escolar, aos elementos que necesitan as nosas empresas, comerciantes e profesionais forzosamente para traballar, e esténdese a tódalas actividades que utilicen dispositivos electrónicos. Ata este propio Concello queda afectado, converténdose nunha carga máis que deben soportar, a cambio de nada, os nosos conveciños.
3.- Que estamos ante un imposto de carácter xeral a favor de determinadas persoas privadas, sen ningún tipo de control por parte do Estado, e que encarece ata un corenta por cento os productos tecnolóxicos. O canon nada ten que ver coa piratería, aínda que, interesadamente, as entidades de xestión quixeron mesturar ambos conceptos.
4.- Que o dito canon está recadando ata polas obras de autores e creadores non representados polas entidades de xestión, aínda que eles non entran na repartición do recadado.
Fronte a esta anómala situación, cidadáns, empresas, asociacións culturais, deportivas, de defensa dos usuarios, institutos, concellos, sindicatos e patronais, sen distinción de opción política, credo, idade ou nacionalidade, agrupáronse na plataforma TODOS CONTRA O CANON.
Por todas estas razóns, proponse ó Pleno a adopción dos seguintes ACORDOS:
1.- O Concello de Carballo, como representante de tódolos veciños e veciñas, mostra a súa adhesión á Plataforma TODOS CONTRA O CANON, apoiando a quen actúan en defensa de toda a cidadanía, e insta ao Goberno que saia elexido das urnas para que proceda á derogación do artigo 25 da LPI; e en todo caso, solicita ao goberno a exclusión municipal do pago deste canon.
2.- Remitirase copia deste acordo á plataforma TODOS CONTRA O CANON, ó ministerio de Industria, Cencia e Tecnología, e ao Ministerio de Cultura.
Carballo, 16 de febreiro de 2008.
No hay comentarios:
Publicar un comentario